UN GRAN ÉXITO COMPETITIVO E ORGANIZATIVO
O sábado 26 xogouse este clásico do xadrez galego nas instalacións de FEXDEGA cedidas polo Concello. Hogano mudamos o sitio de xogo e pasamos a unha pista polideportiva dentro do espacio expositivo, deixando a tradicional entrada do recinto. Permitiunos ter todas as categorías á vista e unha mellor visión de conxunto. Ainda que FEXDEGA e demasiado grande para este torneo, a delimitación do espacio coa iluminación e vallado da zona de baloncesto permitiunos crear un ambiente máis agradable. E outras actividades que se desenvolveron o domingo precisaban do espacio que soliamos coller nós.
Por outro lado, o tempo axudou e non fixo moita calor, que o estar no propio pabillón podería requecer de máis. Pero non foi tal, e cando sobre as 5-6 da tarde empezou a quentar ó abriren unha porta permitiu que se renovase o aire e refrescara. Foi unha sorte que o tempo cambise e empezasen as choivas o dia seguinte.


O torneo contou coa participación de 185 xogadores chegados de toda Galicia e incluso de fora: unha nena e seu pai viñeron de Mallorca para participar no torneo. Deses 185, 88 foron nenos e rapaces que participaron no Circuito Promoción e 97 os que xogaron o absoluto, entre os que tamén houbo moitos rapaces que poderían xogar en promoción. No torneo absoluto participou parte do mellor xadrez de Galicia, con 2 MI e 4 FM. Houbo 21 participantes con máis de 2000 puntos de elo, entre eles moitos rapaces que pronto han ser mestres. A semente plantada por don Adolfo xermolou e está dando os seus froitos.


A fortaleza e nivel de xogo amosado mostrouse na clasificación final, onde entre os 10 primeiros só quedaron 5 do ranking inicial. E aproveitamos para desexárlle ó noso MF Alexander que se recupere, pois tivo que abandoar a competición na quinta ronda por atoparse mal, cando levaba gañadas todas as súas partidas.

Acabadas as 8 rondas, o puntal do Fontecarmoa MI Julio Suárez estivo intratable e non deixou escapar un punto. Gañou todas as partidas, amosando o seu control de estratexia e finais. Subcampión foi Luca, seu compañeiro no equipo de división de honra, con 6’5 puntos tras perder só contra o MI Diego Espiñeira, quen con medio punto menos foi o terceiro clasificado.


Tamén levaron trofeos Nicolás Fernández, da EX Compostela e o quinto clasificado Manuel Conde, compañeiro de Julio e Luca que empezou xogando en preferente para rematar en división de honra. Tamén tiveron premios en metálico Javier del Valle do Xadrez Mos, David Gándara do CD Marquiño, e José Ramón do Benchoshey.


No tramo sub2000 o mellor clasificado foi Martín Ferreiro, 18ª na xeral do EX Compostela, seguido de Gonzalo Bouza-Brey do noso club e alfono GArcía do CD Marquiño. En canto o tramo sub1800, o primeiro posto foi para Irene Diz, a mellor clasificada feminina do torneo, xogadora do CX Fontecarmoa. Segundo foi David Castro do Xadrez Mos e terceiro Juan manuel Talín do Millarengo.


Os premios para os veteranos, reservados para os maiores de 55 anos, foron para Alberto Pérez do Xadrez Bueu, Carlos Diz, xogador da Illa do CX Fontecarmoa e Antonio Susavila, un habitual dos nosos torneos do CA Padrón. Os premiados do torneo absoluto terminan cos premios femininos, nos que Mª Teresa Cameán levou o de campiona, Noa López, a marinense do CA Lucena e para Emma Cernadas Cameán, filla da Mª Teresa e xogadoras do CD Marquiño.

Pola outra banda, nos torneos de promoción Asier Cores foi o campión sub8, acompañado no podio polo seu compañeiro Miguel Briones. A canteira do CX Fontecarmoa está obtendo moi bos resultados na categoría dos máis pequenos. No terceiro e cuarto posto estiveron Sabina Taboada e Xiana Maj Losad, ambas do Xadrez Mos. E completou o podio Brais Alvarez, do CVC Valladares. Matías Ramírez estivo a piques de entrar no podio ó quedar nao 6ª posición.

A categoría sub10 estivo moi repartida, pois entre os 5 primeiros houbo 5 clubs distintos. O campión foi Aldán Martínez, do CA Padrón. Subcampión foi Pablo Lomba, do CX Laroca e terceiro Martín Lema, da EX Pontevedra. Cuarto ficou Artai Lamelas do CX Xadrez Ourense e quinto o vilagarcián Liam Puceiro. Alvaro Freijeiro, en séptima posición, tamén estivo loitando polo podio.

En sub12 gañou o rianxeiro Telmo Vicente. A súa dereita estivo Mateo Rey, do CA Lucena e pola outra beira Pedro García, do CD Marquiño. Compañeiro deste foi o cuarto clasificado, Xoel Roo, e completou o podio Hugo Boquete, da EX Compostela. Tres xogadores do CX Fontecarmoa entraron nos puntos do circuito, Lois Roo (6º), Ero Carballa (8º) e Oliver Moure (9º), o que nos fixo o club máis laureado entre os 10 primeiros.

A última categoría de promoción foi a sub14, na que o campionato levouno Andrés Cacabelos, da EX Pontevedra. Segundo foi Ivan Martínez, do CA Lucena e terceiro Isaac Blanco compañeiro de Andrés en Pontevedra. O cuarto clasificado foi Xavier Davila, do Xadrez Mos e o quinto trofeo foi para Nael Diego, do Vila de Bouzas. Duas rapazas do CX Fontecarmoa quedaron entre os 10 primeiros, Aldara Cores (9ª) e Elisa Equiguren (10ª), conseguindo puntuar para o circuito.


Na cerimonia de clausura contamos coa presencia de Carlos Coira Director da Fundación de Deportes e concelleiro, Diego García, Ana Granja e Xavier Rodríguez concelleiros de Vilagarcía, Miriam Gómez vicepresidenta do CX Fontecarmoa e Juanmi Doval Director Deportivo de Vilagarcía. Tras a entrega de premios procedeuse ó sorteo de agasallos entre os participantes de promoción, que nesta ocasión o premio gordo foi para Hugo Xiao, que levou a bicicleta para Cambados.


Remataba así esta 32ª edición do Memorial Adolfo Pedrido, que esperamos que todos os xogadores e acompañantes disfrutárades, tanto durante o desenvolvemento como no día que pasamos en Vilagarcía. Como sodes a razón de ser do torneo, agradecémosvos a vosa participación e esperamos volveros ver o vindeiro ano.
Tamén queremos agradecer desde a organización a todos os que fixeron posible este torneo, empezando por todos os socios que axudaron na montaxe o recollida do material. E unha ledicia ver como entre moitos todo se fai en moi pouco tempo. Tamén nos queda dar as gracias á Fundación de Deportes e o Concello de Vilagarcía polo apoio loxístico e a cesión das instalacións necesarias para o torneo.
