
A semana pasada xogáronse moitos torneos en Galicia, como xa é habitual. Para empezar, o venres celebrouse o V Nocturno Centro Comercial Arousa, no que houbo xogadores do club premiados na clasificación xeral e en todos os tramos de idades.
Ademais, tivemos unha boa representación nos torneos xogados en Arteixo e Celanova. No primeiro xogouse IX Aberto Concello de Carballo Clásico, pertencente o Circuito Galego de Xadrez 2026. Nel estivemos representados por Luca Rey e seu pai Tony e os dous recibiron premio pola súa participación.


Luca fixo un fantástico quinto posto. Era o 8º no ranking inicial e conseguiu 6 puntos tras dous empates e tan só dúas derrotas contra os dous GM do torneo. Foi o mellor xogador con 6 puntos e iso fíxolle merecente dese quinto posto na xeral e subir 15 puntos de elo na lista de Setembro. Seu pai, Tony, tamén xogou o torneo e gañou unha cesta que se sorteaba entre os participantes non premiados; para os que non adoitamos gañar trofeos case o gozamos máis cos que suben ó podio.

Pola outra banda, o sábado celebrouse o I Torneo Vila de Celanova, torneo incluido no Circuito Galego Promoción e no que participaron 5 xadrecistas do noso club. Na categoría sub8 foi o campión galego Asier Cores o noso representante e non defraudou, acabando invicto a competición e cedendo só unhas táboas. Con 5’5 puntos de 6 trouxo o ouro para Vilagarcía.

Na categoría sub10 tivemos 3 representates. Alvaro Freijeiro foi o mellor deles, na quinta posición meteuse no podio dos trofeos. Con 4 puntos de 6, a perda da derradeira partida quitoulle de estar entre os tres primeiros. Os mesmos 4 puntos e en 6ª posición quedou Sabela Cores. No seu caso foi gañar o 6º enfrontamento o que a aupou os postos de puntos do circuito. 3 puntos acadou Gael Alconada, quen tras un mal comezo recuperou facendo 3 dos últimos 4 puntos. A súa posición final foi a 15ª.

A quinta representante do CX Fontecarmoa foi Aldara Cores na categoría sub14. Unhas táboas na derradeira partida fronte ó subcampión levárona ó quinto posto da clasificación, con 3’5 puntos, gañando así un trofeo e 6 puntos do circuito. Con estes puntos poderá subir hasta 15 postos na clasificación provisional do circuito.
En resumo, unha gran semana para os xogadores do club que nos fan sentir orgullosos e non queda máis que dar unha cálida felicitación a todos eles.